Saturday 27 de April de 2024

Román Rodríguez anuncia a rehabilitación integral do colexio Antonio Orza Couto, cun investimento de máis de 800.000€


A previsión é que os traballos comecen no último trimestre do ano

A Xunta de Galicia vai acometer unha rehabilitación integral do colexio CPI Antonio Orza Couto, que suporá un investimento de case 829.000€. Así o anunciou esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita a este centro, onde deu conta dos pormenores da actuación que se acaba de licitar.

Unha visita na que estivo acompañado polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; o deputado autonómico Ovidio Rodeiro Tato; integrantes do goberno municipal e directiva do CPI Antonio Orza Couto. Segundo explicou o conselleiro, unha vez completados os trámites administrativos, a previsión é que os traballos -que terán unha duración de cinco meses- comecen cara a finais de ano.

Obras a acometer

Román Rodríguez tamén avanzou que a intervención vai ter dúas partes diferenciadas que abranguerán os edificios de Educación Infantil, de Educación Primaria e de comedor. Por unha banda, vaise acometer unha rehabilitación enerxética que incluirá o illamento térmico da fachada mediante sistema SATE nos tres edificios, a substitución de luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética e a colocación de novos falsos teitos.

Ademais, no caso concreto do edificio de Primaria renovaranse as ventás por carpintería de aluminio e vidro dobre no comedor e nalgunhas zonas comúns; instalarase unha cuberta de panel sándwich con illamento de 300mm; substituiranse as baixantes e canlóns, e aplicarase illamento do baixo cuberta con lá de roca.

A intervención enerxética completarase con outras actuacións de menor entidade como a mellora da sinalización ou unha actuación na pérgola, entre outros. “Todas estas medidas combinadas -sinalou o conselleiro- van supoñer un aforro enerxético anual no edificio de Primaria de preto do 50% canto a consumo de enerxía e tamén en emisións de CO2, mentres que no edificio de Infantil estes aforros van andar no entorno ao 34% aproximadamente”.

Isto, segundo explicou o titular de Educación, vai aliñado co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta de Galicia que ten como obxectivo principal impulsar novos espazos escolares “máis innovadores, sostibles e confortables, acordes cos novos retos de futuro da educación”.

Actuación necesaria

O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, agradeceu a actuación que vai acometer a Xunta de Galicia pois “mentres o colexio de infantil e o centro de secundaria se atopan nun bo estado, o edificio de educación primaria é moi antigo, pois foi construído aló polo ano 1970 e require dunha actuación completa para mellorar as súas prestacións ao alumnado”.

Fernández Munín destacou tamén a colocación dunha pérgola que permitirá que o alumnado acuda ao comedor sen ter que mollarse nos días de chuvia. Así mesmo, valorou as indicacións do arquitecto da obra, que asegurou que o desenvolvemento das obras será totalmente compatible coa normalidade nas clases do vindeiro curso.

Esta non é a única actuación de mellora que se acomete neste centro escolar nos últimos anos. Así, no verán de 2019 a Xunta investiu 48.000 euros no cambio da cuberta do CPI Antonio Orza. Por outra banda, no ano 2016 investiranse outros 60.000 euros na substitución das fiestras de varias aulas de infantil, dos canalóns da cuberta e das baixantes de auga para evitar humidades e filtracións.